Amosando publicacións coa etiqueta graduación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta graduación. Amosar todas as publicacións

xoves, 18 de xuño de 2020

CHEGOU O DÍA


Mañá remata este curso escolar e para vós, ademais, remata unha etapa que nunca ides esquecer. 

O curso comezou con normalidade pero a situación que vivimos a nivel mundial fixo que non rematase como todos tiñamos pensado. Vivimos unha situación descoñecida que nos fixo cambiar as nosas rutinas e deixar de facer algunhas das cousas que tiñamos planeadas. Estes tres últimos meses non os imos esquecer, pero non será o único que imos recordar. Tedes moitas historias que contar, historias que vivistes ao longo de todos estes anos e que son parte dos vosos recordos. Así que, prepara o barrete e a estola para mañá para despedir esta etapa.


Non vos quededes só cos meses finais. Esta é unha situación temporal, pronto empezaredes unha nova etapa e teredes a oportunidade de vivir moitísimas experiencias novas que vos axudarán a medrar e a ser felices.
                          O MELLOR ESTÁ POR CHEGAR

Vémonos mañá.
Unha aperta!

COMPAÑEIROS E AMIGOS DE ESCOLA

Para realizar esta tarefa terás que pensar moito nos teus compañeiros e compañeiras. Xunt@s, ademais de despedir esta etapa, vivistes e compartistes moitas historias a través das que vos fostes coñecendo. Todos tedes cualidades e características que vos fan diferentes e especiais:

DIVERTIDA                                                         FALADOR
SIMPÁTICO
            XENEROSA
      RESPONSABLE

IMPACIENTE                                                              SINCERA

Escolle tres cualidades positivas que definan a cada un dos teus compañeiros. Pensa en cada un deles e escribe esas tres cousas que a todos nos gustan tanto e que o fan tan especial.
Non esquezas apuntar as tres características para cada un deles, mañá poderemos dicirlle a todos eles o especiais que son!

Unha aperta!

mércores, 17 de xuño de 2020

SÓ QUEDAN TRES DÍAS

En tres días celebraremos un pequeno acto de graduación para despedir este curso e a nosa etapa en primaria. Ti serás o protagonista e como tal terás que actuar. Por iso, a tarefa de hoxe consistirá en que adiques un tempo a pensar e escribir unhas palabras para adicar aos teus compañeir@s ese día. Terás que facer dúas cousas.



1º. Escribe un pequeno discurso para agradecer, recordar, felicitar... o que ti queiras. Pero terás que facernos un resumo do máis importante, así que planifica o teu discurso para que teña unha duración de 2 minutos. Xa sabes:
     - Fai un guión (esquema) co que queres dicir.
     - Organiza a información e redáctaa para que tome forma.
     - Le e cronometra para comprobar se tes que eliminar ou engadir máis información ata que consigas dicilo en 2 minutos.
     - Ensaia e ensaia ata que sexas capaz de contalo sen ler.


2º. Continúa o seguinte poema con dúas estrofas máis. O obxectivo é contar algo relacionado co teu paso por primaria de forma divertida e con rima.
1.- Benvidos a este acto
que está a punto de comezar,
a todas as nosas familias
seguro que lles ía encantar.

2.- Agora eu vou a contaros
a historia do meu colexio,
desde que era pequeniño
ata este mesmo momento.

Non te despistes coa tarefa, que xa non queda nada para o venres e todos temos moitas ganas de escoitar as túas palabras e estrofas.
Unha aperta!